Friday 03 de May de 2024

O Goberno local ratifica o seu compromiso coas familias ao potenciar o programa de bolsas USA con máis investimento, prazas, centros e destinos


Nestes catro anos incluíronse importantes cambios organizativos que melloran a calidade e a formación recibida e ofrecéronse 20 prazas máis que nos catro anos do Goberno municipal bipartito

O Concello, a través da área de Educación que dirixe Francisco Mourelo, informa de que o programa Becas USA 2015/16 consolidouse durante este mandato como un programa fundamental para o Goberno local, incrementando as prazas ata alcanzar, no último curso, as 50, un 20% máis que no curso 2011/12.
Neste sentido, dende o inicio de mandato, incluíronse importantes cambios organizativos que melloran substancialmente a calidade e a formación recibida por parte dos 50 mozos participantes, incrementando, para iso, o presuposto que nesta edición ascende a 312.041 euros, 25.541 euros máis que o ano pasado.
Este compromiso reflíctese en que, nestes catro anos, se outorgaron 20 bolsas máis que nos catro anos do Goberno local anterior, se outorgaron máis bolsas gratuítas e máis bolsas a familias con rendas baixas e menos bolsas a familias con rendas altas. Ademais, durante este mandato, incrementouse o número de alumnos do ensino público que accedeu ás bolsas USA -pasouse do 37% de alumnos de ensino público durante o bipartito ao 53% de alumnos de ensino público co actual goberno-; e o custo asumido polos pais agora regúlase en función do nivel de ingresos, de tal forma que as familias con renda alta asumen o 50% do custo da bolsa, as familias de renda media – baixa asumen o 20% do custo e as familias de renda moi baixa non pagan nada.
Neste sentido, o anterior goberno do bipartito outorgaba menos bolsas USA e menos bolsas gratuítas (164 bolsas fronte ás 183 actuais; e 36 gratuítas fronte ás 40 do actual Goberno local). Ademais, todas as familias asumían o 20% da bolsa, sen importar o nivel de renda e os exames de acceso realizábaos unha empresa privada, cando agora as probas de acceso ás bolsas USA son realizadas por persoal do sector público (Xunta de Galicia e persoal do Servizo Municipal de Educación).
En definitiva, agora os criterios son obxectivos, están estructurados e garanten a transparencia, a obxectividade e a igualdade do proceso de selección. É máis, puxéronse en marcha outras iniciativas para a mellora destas bolsas como o adiantamento das datas do proceso de selección dos estudantes para que o programa se equipare e compita co doutros países europeos; ampliáronse os destinos, pasando de 3 ou 4 estados, a máis de 20; ampliáronse os criterios de selección para que sexan máis obxectivos; e ofrécese aos participantes un curso intensivo de inglés oral ademais dunha formación específica sobre a mentalidade e cultura norteamericana.
Pero ademais, a concellaría de Educación do actual Goberno municipal logrou que 268 nenos se beneficiasen de bolsas de estudo no estranxeiro: 183 de bolsas USA e 85 bolsas para alumnos de Formación Profesional en Reino Unido, Austria e Italia, o que supón un incremento do 63% respecto ao anterior bipartito. E incorporáronse as certificacións do Marco Común Europeo, esixidas por todas éa entidades públicas e privadas, entre outras para outorgar o grao universitario na maior parte de titulacións.

Por todo iso, desde a área de Educación laméntase que a portavoz socialista Mar Barcón amenta e intente tergiversar os datos do programa de becas USA co único obxectivo de intentar confundir aos coruñeses.